CRÓNICA DAS HORAS VELLAS
CRÓNICA DAS HORAS VELLAS OS DÍAS GRISES É difícil esquecer aqueles invernos… Chovía de cote e pasaban meses sen que se vira o sol. A auga que baixaba pola ladeira leste do Monte das Covas facía que o pobo se enchese de ríos de lama, garabullos, e pedras. Nin polainas, nin zocos, nin zamarra abondaban para tornar tanta auga. En Pazos, preto do Vilar, ademais da auga da choiva, chegaban os regatos que nacían no aba sur das Covas, e as leira quedaban asolagadas ata xa ben entrada a primavera. Alí, á beira desta lagoa invernía, nunha guichola que xa dende o século XVII pertenceu ós meus antepasados, nacía un manancial que non secaba en todo o ano; ó seu redor, había un corgo que no verán abastecía de auga para o rego a unha guichola: "o Pradiño"; alí, naquel anaco da por entón chamada "Terra Nova", ás escorrentías do desbordamento do corgo xuntábaselle a auga que baixaba dende a Caeira ata o río de Besexos, e coas enchentas, troitas e anguías subían polo regueiro ...