CRÓNICA DAS HORAS VELLAS
CRÓNICA DAS HORAS VELLAS OS DÍAS GRISES Naqueles invernos chovía de cote e pasaban meses sen que se vira o sol. A auga baixaba pola ladeira do Monte das Covas , e facía que o pobo se enchese de ríos de lama, de pedras e de garabullos. Non se podía andar polos camiños e, non había polainas, nin zocos, nin zamarra, que abondasen para tornar tanta auga. No Vilar, ademais de empozarse a auga da choiva, chegaban os regatos que nacían no aba sur das Covas e, as leiras quedaban asolagadas ata xa ben entrada a primavera. Un chisco alonxada desta lagoa que desaparecía pouco antes do tempo da sega, nacía un manancial que non secaba en todo o ano; enchía un corgo que deixaba fuxir unha auga escorrentía coa que se regaba outra guichola: "o Pradiño" Alí onde por entón o fondo do vilar se chamaba "Terra Nova", aquelas escorrentías do desbordamento do corgo xuntábanse coa auga que baixaba dende a Caeira ata o río de Besexos e, coas enchentas, troitas e anguías subían ...