SOMBRAS DE CRISTAL

SOMBRAS DE CRISTAL -Cartas a Tí- O COMEZO Detívenme na lousa grande que hai á beira do pozo, na mesma lousa na que tantas veces me parara a descansar ou a comer un bocadillo. Cando me pareceu, erguinme, colguei o zurrón ó ombreiro e, non sei como caín, mais antes de que me dese tempo a darme conta, xa estaba metido na auga. Despois foi como se o río turrase de min; a cada movemento meu algo me levaba outra vez ata o fondo. Non había nada que me impedise moverme nin nada no que puidera estar encerellado, mais non era capaz de saír á superficie. Deixei que me levase a corriente, pensando que ó chegar á presa do pozo podería saír aínda que fose arrastras. Non sei canto tempo levaba xa no fondo do río; os pulmóns pedían aire e por máis que me deixaba levar pola auga ou tentaba nadar, parecíame que non me movía do sitio. Nun intre, comecei a ver un espazo infinito, alumeado e brillante e tiven a sensación de que alguén a quen non conseguín ver se achegaba a min; era como se me falase